Tuesday 14 de May de 2024

Comezou a acción formativa para desempregados (AFD) centrada na atención a persoas dependentes en institucións sociais


O alcalde e a concelleira de Emprego deron a benvida aos catorce participantes.

Comezou a desenvolverse no edificio administrativo da Laracha a acción formativa dirixida a desempregados (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A iniciativa é organizada polo Concello co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia co propósito de impulsar o emprego estable e de calidade por medio do reforzamento da formación e da especialización das persoas participantes para aumentar as súas competencias profesionais e mellorar os servizos de atención a dependentes.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Rocío López, déronlle hoxe a benvida aos catorce alumnos que están a formar parte deste programa. O rexedor considera que para os participantes esta AFD é “unha oportunidade de ouro” para a inserción laboral porque están a aprender “unha actividade profesional con crecente demanda de traballadores cualificados”. Por iso animounos a sacar “o máximo partido” do curso que se vai prolongar por un período de cinco meses.

O plan formativo consta dun total de 468 horas a impartir en 88 días lectivos. Ademais da materia específica, realizaranse dous módulos transversais: un sobre igualdade de xénero e outro relacionado coa formación para a igualdade, a inserción laboral e a sensibilización medioambiental.

Tanto a fase práctica como a teórica levaranse a cabo en aula e taller de titularidade municipal homologados polo Concello para acoller actividades destas características.